Ante a imputación da Concelleira de Turismo, Reyes Leis -única Concelleira eleita que queda do proxecto liderado por Xerardo Conde Roa en 2011- nun presunto delito de tráfico de influencias por tratar de evitar unha multa da ORA, anova-Compostela, esixe o seu cesamento inmediato.
Consideramos unha burla á cidadanía que un membro dun goberno que:
-
Continuou o proceso de privatización da vía pública comezado polo bipartito, ampliando a zona ORA.
-
Non só non fixo nada por dotar a cidade de aparcadoiros públicos gratuítos, senón que até chegou a ceder parte dun parque público de Galeras ao aparcadoiro privado.
-
Externalizou o servizo de recadación de sancións municipais para lograr maior eficacia e incrementar os ingresos pola vía sancionadora.
-
Promoveu unha ordenanza reguladora de actividades e ocupación da rúa para impedir o seu uso por parte d@s cidad@s, cobrando por pór mesas informativas e tomar corrente eléctrica de puntos de luz pública para megafonría ou iluminación…
SE APROVEITE DA SÚA POSICIÓN DE CONCELLEIRA PARA QUE SE LLE RETIRE UNHA SANCIÓN, MENTRES MULTA AOS CIDADÁNS E CIDADÁS POR USAR A RÚA.
Por todo isto, esiximos a súa saída do goberno, e con ela a de tod@s os concelleir@s non elect@s, nomead@s polo dedo antidemocrático de Alberto Núñez Feijoo.
O PP en Compostela deixounos unha estela de escándalos que fan que a nosa cidade sexa coñecida coma a Marbella do norte. Estamos nun ano electoral, e só mediante a confluencia de diferentes actores políticos e sociais seremos quen de presentar unha alternativa de goberno seria na vindeira cita electoral que sexa quen de botar do Pazo de Raxoi esta caste soberbia que goberna contra a maioría social e utiliza as institucións no seu beneficio. Apostamos de maneira decidida pola confluencia, e nese sentido as xentes de anova non imos ser un obstáculo para conseguir mudar as políticas do noso Concello.