IMPUTADA A ÚLTIMA CONCELLEIRA QUE QUEDABA SEN IMPUTAR DO GOBERNO DO #PP DE COMPOSTELA. PLENO!

Ante a imputación da Concelleira de Turismo, Reyes Leis -única Concelleira eleita que queda do proxecto liderado por Xerardo Conde Roa en 2011- nun presunto delito de tráfico de influencias por tratar de evitar unha multa da ORA, anova-Compostela, esixe o seu cesamento inmediato.

Consideramos unha burla á cidadanía que un membro dun goberno que:

  • Continuou o proceso de privatización da vía pública comezado polo bipartito, ampliando a zona ORA.

  • Non só non fixo nada por dotar a cidade de aparcadoiros públicos gratuítos, senón que até chegou a ceder parte dun parque público de Galeras ao aparcadoiro privado.

  • Externalizou o servizo de recadación de sancións municipais para lograr maior eficacia e incrementar os ingresos pola vía sancionadora.

  • Promoveu unha ordenanza reguladora de actividades e ocupación da rúa para impedir o seu uso por parte d@s cidad@s, cobrando por pór mesas informativas e tomar corrente eléctrica de puntos de luz pública para megafonría ou iluminación…

    SE APROVEITE DA SÚA POSICIÓN DE CONCELLEIRA PARA QUE SE LLE RETIRE UNHA SANCIÓN, MENTRES MULTA AOS CIDADÁNS E CIDADÁS POR USAR A RÚA.

Por todo isto, esiximos a súa saída do goberno, e con ela a de tod@s os concelleir@s non elect@s, nomead@s polo dedo antidemocrático de Alberto Núñez Feijoo.

O PP en Compostela deixounos unha estela de escándalos que fan que a nosa cidade sexa coñecida coma a Marbella do norte. Estamos nun ano electoral, e só mediante a confluencia de diferentes actores políticos e sociais seremos quen de presentar unha alternativa de goberno seria na vindeira cita electoral que sexa quen de botar do Pazo de Raxoi esta caste soberbia que goberna contra a maioría social e utiliza as institucións no seu beneficio. Apostamos de maneira decidida pola confluencia, e nese sentido as xentes de anova non imos ser un obstáculo para conseguir mudar as políticas do noso Concello.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Solidariedade activa coas persoas procesadas por intentar parar o desafiuzamento de Aríns

O pasado 19 de setembro, nunha zona do rural de Compostela completamente tomada polas forzas de seguridade do Estado, a veciñanza de Aríns e decenas de persoas solidarias sufrimos a brutalidade das unidades antidisturbios mentres procurabamos parar o desafiuzamento dunha familia vítima da estafa inmobiliaria perpetrada por un especulador e o goberno inxusto que o ampara. Non conseguimos o noso obxectivo, xa que @s manifestantes -en todo momento pacífic@s– tivemos que sufrir a arbitrariedade de varias cargas policiais absoutamente innecesarias, e a familia viuse obrigada a deixar o seu fogar. Por suposto, o Alcalde non electo, Agustín Hernández, non só non apareceu polo lugar para defender a unha familia desprotexida do seu concello, senón que nin sequera lle ofreceu un abrigo, mentres que a organización ultraconservadora Red Madre usa de balde un piso de emerxencia social do concello.

Por participar no intento de paralización deste despexo, o próximo mércores serán xulgadas catro persoas, entre elas dous militantes de anova-Compostela: Rafa Peña e Isma da Silva.

En solidariedade com tod@s eles, anova-Compostela apoia e chama ao conxunto da veciñanza a participar na concentración que terá lugar o vindeiro mércores 28 de xaneiro ás 11:30 horas no xulgado das Fontiñas, para mostrarlles o noso apoio.

A plataforma Stop-Desafiuzamentos aproveitará este acto para facer entrega de máis de 200 autoinculpacións que queren mostrar o seu apoio tanto a familia de Aríns como ás persoas que van ser xulgadas inxustamente.

Publicado en Uncategorized | Etiquetado , , , , , , , , , | Deixar un comentario

Parabéns a Chévere, por un premio merecido e que deixa en evidencia a política cultural do PP

anova-Compostela dá os seus parabéns á compañía Chévere, galardoada co Premio Nacional de Teatro. Lamentamos que o recoñecemento teña que vir de fóra, despois da persecución á que o goberno do Partido Popular someteu ao teatro galego alternativo e combativo, mais alegrámonos de que teña posto a cada quen no seu lugar.

Este galardón deixa en evidencia a política cultural do Partido Popular e a ignorancia absoluta do Goberno Municipal por retirar as axudas á cultura alternativa e obrigar a saír da cidade á sala Nasa -a casa onde Chévere medrou-, espazo que viña sendo un referente, un modelo pioneiro non só aquí, senón a nivel do Estado Español, onde moita xente se fixo como artista, e que tiña importante respaldo social.

Deixa en evidencia a incompetencia dun goberno que expulsou de Compostela unha sala que durante anos colocou esta cidade no mapa cultural de vangarda e alternativo, unha das mellores salas independentes de todo o Estado, que só se podían atopar en grandes cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao ou Sevilla.

Deixa en evidencia a campaña difamatoria coa que se chegou a insinuar a suposta colaboración do espazo cultural Nasa con organizacións terroristas, para lle retirar as axudas do goberno local.

Deixa en evidencia o desprezo sistemático de toda iniciativa cultural que non responda aos intereses empresariais e españolizantes do PP, Partido de Patufos, desleigados, que rezuman odio e rexeitamento pola lingua, a cultura da terra e as súas formas de expresión.

anova-Compostela aposta por unha política cultural ampla, diversa, integradora, con espazo para os grandes eventos culturais, de música, de teatro, de cine, a cultura de base asociativa, cerne da produción cultural da cidade dende a clandestinidade da ditadura; a cultura de vangarda, das novas expresións artísticas hibridadas e emerxentes; e a cultura popular, desprezada e agredida de cote polo Partido Popular dos tres alcaldes, os once concelleiros imputados, os sete condenados e os oito non electos. Corruptos que empregan as institucións para destruír o que deberían defender.

Publicado en Uncategorized | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

AGUSTÍN HERNÁNDEZ, A PROPAGANDA DA NORMALIDADE NA XESTIÓN E OUTRAS CORRUPCIÓNS

Dado que a propaganda destes días por parte do PP e do Concello foi a de insistir na “recuperación da normalidade na xestión” e o “fechamento dunha etapa”, pra disfrazar a compra do silencio de Ángel Currás, anova-Compostela vese na obriga de dar a súa opinión.

O lastre que supón manter ao dobre imputado, Ángel Currás, até o final da lexislatura non pode ser soltado mediante a compra do seu silencio coa dirección dunha empresa pública e remuneración de 100.000 euros anuais mais coche. Se o Sr. Currás é unha carga por presunto delincuente, o seu lugar está fóra do PP -expulsión-, fóra de cargo público -expulsión do Concello-, e fóra da dirección de calquera empresa pública que pagamos tod@s @s cidad@ns.

Ángel Currás “ten todo o dereito do mundo a atopar a súa mellor dedicación profesional”, como defende Agustín Hernández, mais fóra da cousa pública. Comprar con diñeiro de tod@s a súa saída do equipo de Goberno Municipal, é unha corrupción, Xa cheira esa manobra xiratoria de desviar ao ámbito privado o que lles incomoda no público.

As palabras do proprio Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dicindo que “o prioritario era a súa saída do Concello” delatan até que punto chega a obscenidade de antepoñer os intereses electorais do Partido Popular aos xerais das persoas. TRAGSA está recortando soldos ás súas traballadoras e traballadores, e en Santiago hai moitas familias que non teñen para vivir, mentres os seus gobernantes compensan, compran bem caro, o silencio dun presunto delincuente. “Normalidade” é que expliquen que delitos de cargos máis altos do Partido Popular tapan.

Coa saída de Currás, o Goberno Municipal terá 8 dos seus 13 membros non electos, mentres Agustín Hernández, reivindica unha reforma electoral para “respectar a vontade da cidadanía”. “Normalidade” é que Compostela teña un Goberno elixido democraticamente.

Estamos pagando o soldo dunha Concelleira non electa que non vemos por ningures. Mª Jesús Sáinz só vén ao Concello a votar e a cobrar. O resto da semana seica exerce de conseguidora no Senado en Madrid. “Normalidade” é prescindir dela, sáenos cara.

Agustín Hernández ten no seu goberno de non elect@s un Concelleiro, Ramón Quiroga, que aparece no sumario da pokémon como o home de contacto de Conde Roa na Xunta. Foi a persoa que artellou o cesamento ilegal do Secretario e a interventora do Concello. “Normalidade” non é nomear Concelleiro a un presunto colaborador da corrupción de Conde Roa.

Se todo isto é “recuperación da normalidade na xestión”, a corrupción instalouse na normalidade municipal. O demais, propaganda.

Publicado en Uncategorized | Etiquetado , , , , , , , , | Deixar un comentario

FIN Á EUTANASIA DE ANIMAIS NO REFUXIO DE BANDO

anova-Compostela apoia a denuncia que a Asociación Animalista Libera vén de facer sobre a mala xestión do refuxio de animais de Bando, que no último ano incrementou a eutanasia de animais para liberar espazo.

Concordamos coa Asociación en que os máis de 300.000 euros de orzamento do refuxio fan totalmente innecesarios estes métodos e que, tanto a Fundación que o sostén como o Concello, deben apostar pola sensibilización sobre o abandono e a importancia da adopción, e non polo sacrificio nunhas instalacións que naceron precisamente con vocación protectora.

O feito de que se incrementase o número de eutanasias de animais nun fogar que manexa orzamentos moito máis altos que a maioría de canceiras, fainos sospeitar que  Bando,   máis   que   unha   protectora,   é   un   negocio   para  a  empresa contratada para a súa xestión.

Lamentamos que @s xestores opten polo negocio e esiximos ao Concello que @s obrigue a suspender os sacrificios masivos e que -tan pronto como entre en vigor- se cumpra a nova lei sobre abandono e malos tratos aprobada no parlamento a proposta de Alternativa Galega de Esquerdas e que esixe máis compromiso dos Concellos na protección dos animais e o incremento das sancións @s particulares por maltrato e abandono.

 

Publicado en Uncategorized | Etiquetado , , , , , , , | Deixar un comentario

anova-Compostela apoia o manifesto da Asemblea Cidadá de Compostela e participa nas mobilizacións convocadas

Ante a situación de desgoberno e corrupción na que está sumido o Concello de Compostela, a cidadanía ten que tomar a palabra. Temos que dicir que coa nosa cidade non se xoga. Temos que dicir que a nosa cidade non é o banco de probas dun grupo de xente indigna. Temos que dicir que a nosa cidade non é un xoguete en mans de intereses escuros. Temos que tomar a palabra pola nosa cidade, ante unha oposición municipal que nin é exemplo de nada nin é a voz da cidadanía. Temos que tomar a palabra para dicir que, se nós temos dignidade, a nosa cidade tamén debe ser digna e que non imos aturar representantes indignos. Temos que tomar a palabra pola democracia, porque queremos decidir nós quen nos goberna, e non que outros o decidan por nós. Temos que tomar a palabra para reclamar democracia e non dedazo. Temos que tomar a palabra porque ninguén a vai tomar por nós.

Por todo isto, dende a Asemblea Cidadá de Compostela chamamos a todas as persoas decentes da cidade, a todas as que están fartas destes abusos, a concentrarse á entrada do Pazo de Raxoi o martes 8 ás 11.30h, coincidindo coa toma de posesión d@s nov@s concelleir@s, así como a manifestarse con nós dende a praza do Toural esa mesma tarde ás 20.30h.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Acordos da asemblea 10/06/14

Acórdase promover un achegamento de toda a oposición que non está implicada no sumario da pokemon e tamén dos movementos sociais, coa fin de lograr unha posición conxunta -non partidista- pola transparencia, control democrático e fiscalización cidadá do Goberno Municipal. Os acordos serán comunicados en rolda de prensa conxunta.

anova-Compostela fará todo o posíbel para que este achegamento teña continuidade e culmine na creación dunha fronte cidadá o máis ampla posíbel para a unidade de acción, mobilización e presión pola creba democrática tamén na vida municipal.

Buscarase a retroalimentación dos nosos proxectos coas reclamacións e alternativas que xurdan dos movementos sociais. Convidarase a toda a sociedade a participar nunhas Xornadas -en principio, de carácter comarcal-, onde combinar propostas para a cidade na que queremos vivir. Sabemos que é posíbel outra maneira de xestionar o Concello, a través da participación cidadá, e que é esta quen ten que definir as liñas da política municipal.

Destas xornadas de debate sairán unhas propostas-resumo, que serán enviadas aos movementos sociais participantes para que avalíen se fomos quen de captar e adaptar as súas demandas. Do fluxo de información tiraremos as nosas propostas programáticas nos diversos campos tratados.

Faremos unha análise do impacto económico da corrupción e parálise municipal nestes tres anos de goberno do Partido Popular e visualizaremos os resultados ante a cidadanía. Queremos saber que sectores da sociedade e motores económicos sufriron as consecuencias da corruptela, e que persoas particulares se beneficiaron dela. Canto nos custaron os salarios dos altos cargos nomeados a dedo para suplir funcionari@s que non estaban dispostos a corromperse. Canto custaron á cidade o soldos de tod@s @s Concelleir@s demitid@s -ou obrigad@s a dimitir pola xustiza-; canto, as obras irresponsábeis, como o segundo andar da casa de Brandía, que unha vez rematada non resistiu o peso de máis de 10 persoas ao mesmo tempo e tivo que ser fechada ao público; o traslado da EDAR; a obra da rúa de San Pedro, que durou case un ano por iniciala sen ter feitas as catas previas de estado do saneamento; canto, o parque infantil de Pza. de Galiza, apenas usado por estar no lugar de tránsito e contaminación acústica e ambiental máis grande da cidade, Etc.

Dado que a cultura e o turismo son os sectores produtivos máis grandes do noso concello, acórdase facer un grupo de traballo para ver cales son as súas necesidades, que apoios lles faltaron nestes anos escuros e que podemos aportar para revitalizalos e que sigan creando riqueza e traballo.

Así mesmo faremos público o noso apoio aos equipos deportivos da cidade que fomenten o deporte de base.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Nuñez Feijoo é o responsable da situación na que se atopa Compostela

 

O PP de Compostela presentouse diante da veciñanza con un proxecto hoxe diluído en dimisións, imputacións e inhabilitación. Lonxe de ser o punto final, a saída de Conde Roa abriu unha nova etapa na nosa cidade na que os escándalos eran a norma, mentres que a nosa cidade convertíase nunha sorte de “Marbella do norte”.

Os 7 edís inhabilitados pretendían que a defensa pola Pokemon de Adrán Varela, recén dimitido ao chegarlle a querela criminal polo seu presunto intento de forzar que a empresa Vendex despedira á muller dun sindicalista do Concello, a pagase o conxunto da veciñanza de Compostela. Pretendían que o Concello fose un clube privado para os seus privilexios, e non unha entidade pública ao servizo de todas e de todos.

Ángel Currás é hoxe o representante da continuidade, e ten que dimitir el e o resto de imputados. É evidente que nestes momentos, e xa con esta sentencia, Alberto Nuñez Feijoo – principal responsábel político desta desfeita – non pode seguir a mirar a outro lado e ten que tomar medidas. Toda esta lexislatura vivimos unha situación límite, que demostra un baixo perfil democrático por parte do PP, e que contou ca complacencia interesada do presidente da Xunta de Galiza.

A sentenza de hoxe é unha proba máis do estado de descomposición no que se atopa o réxime emanado da transición, que naceu con graves déficits democráticos e que hoxe móstranos como a corrupción é parte fundamental do seu ADN político. Vemos como se está a iniciar unha carreira de fondo por perpetuar o estatus quo nun momento de emerxencia social, onde a cidadanía está a demandar unha ampliación da democracia e do dereito a decidir, fronte a unhas institucións arcaicas e obsoletas e que están contaminadas de corrupción.

Compostela, 2 de xuño de 2014

 

 

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Dimite Adrián Varela, mais OS CHOURIZOS SÉGUENNOS GOBERNANDO

No Concello de Santiago a situación é extremadamente violenta; a cidadanía está sendo agredida, os dereitos democráticos -máis aló da mera formalidade-, violados sistematicamente por estes profesionais do trafico de influencias. Dimite a Adrián Varela mais seguimos gobernados por uns miserábeis.

 

 

Fai uns días que vimos estes delincuentes no banco dos acusados, mais iso non tivo consecuencias políticas. Responsabilizamos ao Presidente Feijoo e a todo o Partido Popular desta situación. Os que teñen o poder de apartar a esta xente do goberno e non o fan son cómplices destes cara-de-pau. O Partido Popular demostra ser unha vez máis unha organización para delinquir, unha mafia.

 

 

O que era un ruxe ruxe na rúa agora ten unha correspondencia electoral: O Partido Popular acadou menos dun 30% dos votos nas últimas eleccións. Este goberno municipal perdeu xa toda lexitimidade democrática: Que se vaia xa esta casta dirixente que se cree intocábel e non lle importa o que opina a maioría da cidadanía.

 

 

Pedimos a devolución do concello á cidadanía de Compostela.

 

 

Propomos implantar medidas urxentes de control do labor de goberno que non estean vixiadas pola partitocracia, senón pola veciñanza.

 

 

Reiterámonos na necesidade de revolucionar as institucións para que o pobo deixemos de sufrir ditaduras periódicas de catro anos.

 

 

Rompamos o bastón de mando dos alcaldes, é a hora da democracia real. Compostela é de todos e todas.

 

 

 

 

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Haberá xuízo. Anova-Compostela esixe o fin do abuso: disolución inmediata da Corporación Municipal

Coñecido que medio goberno de Compostela será xulgado por prevaricación o 19 de maio, anova-Compostela esixe ao Presidente da Xunta a disolución inmediata da Corporación Municipal, que, como sempre manifestamos -e hoxe com maior razón-, é a única medida para rematar cos abusos que sufrimos por parte do Goberno Municipal.

Esiximos que neste día en que comezamos a expor aos cidadáns e cidadás a Europa que queremos, o Partido Popular demostre respecto ás xentes de Compostela e que non vai consentir que tamén en Europa as persoas do Partido Popular que saian elixidas empreguen o seu voto na construción do ben proprio, fronte ao común. Manter unhas concelleir@s que se enfrontan a unha pena de nove anos de inhabilitación para emprego e función pública pola rapidez coa que decidiron pagar con fondos públicos o avogado dun compañeiro contra os informes da Asesoría Xurídica do Concello, demostrará todo o contrario, e a súa campaña na cidade será só propaganda.

anova-Compostela continuará nos vindeiros días apoiando a mobilización de denuncia da corruptela iniciada polos movementos sociais para varrer das institucións públicas os negocios particulares, no camiño de derrubar este sistema corrupto construído contra o interese da maioría social.

Publicado en Uncategorized | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario